Home / Novas / Urbanismo e Obras / O goberno municipal anuncia o inicio das
O goberno municipal anuncia o inicio das obras de remodelación integral da Praza de Amboage cun investimento superior aos 500.000 euros
• O edil Ángel Mato explica que se eliminará a Cruz dos Caídos, renovarase o mobiliario urbano, ampliarase a área de xogos, melloraranse os accesos e instalarase unha nova rede de pluviais
O concelleiro de Urbanismo, Angel Mato, informou esta mañá do inmediato comezo, este mesmo luns, dunha das actuacións máis ambiciosas contempladas no Fondo Estatal de Inversión Local (Plan Ê) 2010 posto en marcha polo Goberno central para favorecer a creación de emprego a través de investimento público. Trátase da rehabilitación urbana da Praza de Amboage, cun investimento superior aos 500.000 euros. O obxectivo da actuación nesta praza, antigamente chamada Praza de Dores e construída no século XVIII, pasa por mellorar a accesibilidade á mesma no entorno do cruce das rúas Arce e María e por revalorizar e potenciar este espazo urbano, que dispón dunha superficie de 6.300 metros cadrados. E ao fío disto, o edil Angel Mato deu conta das intervencións que se levarán a cabo con este fin: a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais, labores de xardinería (tala de árbores e novas prantacións), renovación do mobiliario urbano e xogos infantís, reposicións de pavimentos, tarefas relacionadas coa instalación eléctrica, novo alumeado ou a eliminación do monumento da Cruz aos Caídos, dando cumprimento deste xeito á Lei da Memoria Histórica.
Xa polo miúdo, o edil de Urbanismo explicou que unha das principais intervencións que se levarán a cabo consistirá no traslado das instalacións do Centro de Transformación da rúa Arce ao existente na rúa Méndez Núñez. Así mesmo, recuperarase a antigua distribución de catro puntos de luz na zona central da praza renovándose os puntos de luz perimetrais (instalaranse un total de 21) para favorecer unha imaxe homoxénea e ordeada da praza. En canto á instalación do alumeado, empregaranse lámpadas de elevado rendimento enerxético e longa vida útil. No tocante ao mobiliario urbano da praza, procederase á súa homoxeneización a través da ordenación de todos os elementos para mellorar deste xeito a paisaxe urbana da praza. A este respecto, retiraranse elementos como bolardos e soportes publicitarios, instalaranse papeleiras e bancos e recolocaranse e repararanse os xa existentes, sustituiranse a cuberta e parte traseira das cabinas telefónicas por outras similares de cor negra e instalaranse, de xeito harmonizado, a sinalización de tráfico na zona de praza mediante sinais e soportes de aluminio.
Tamén se recolocarán os xogos infantís e instalaranse tres novas unidades. A este respecto, o proxecto de Rehabilitación Urbana da praza de Amboage contempla a ampliación da zona de xogos infantís para dar resposta á demanda xerada polos usuarios da paraza. Esta actuación executarase en coordinación coas obras de traslado das instalacións do Centro de Transformación da rúa Arce. Sustituirase ademais o peche desta área de xogo para favorecer a súa integración na imaxe urbana buscada -a que tiña a praza no século XIX- mediante unha valla de madeira e colocarase un pavimento elástico continuo de seguridade.
Por outra banda, recuperarase o trazado dos antigos itinerarios peatonais e eliminaranse aqueles que non existían no século XIX. Repararase o peche da estatua do Marqués de Amboage e a barandilla das escaleiras de acceso á praza dende a rúa María. Así mesmo, o proxecto prevé a eliminación do monumento da Cruz dos Caídos, polo que a retirada deste símbolo do lugar que actualmente ocupa xerará un novo acceso á praza, dendo o cruzamento entre as rúas Arce e María.
En canto á rede de pluviais, instalarase unha nova que canalizará as augas á periferia da praza e se conectará á rede existente municipal. E xa no tocante aos labores de xardinería previstos, procederase á tala de dúas árbores existentes na alineación da rúa Arce, retiraranse dúas camelias existentes na zona de xogos infantís para o seu posterior plantado eacondicionaranse os xardíns que estean en mal estado.
|
|
|
|
|