Home / Novas / Alcaldia / O Goberno central saca a contratación as
O Goberno central saca a contratación as obras de restauración da Casa do Gobernador por máis de 800.000 euros e prazo de execución de dez meses
• O alcalde, Vicente Irisarri, asegura que coa licitación da intervención Ferrol dá un paso adiante fundamental para a recuperación e posta en valor do Castelo de San Felipe
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, mostraba a satisfacción do goberno municipal pola recente licitación das obras de consolidación e restauración da Casa do Gobernador, punto de partida na recuperación integral e posta en valor do Castelo de San Felipe. Deste xeito, o rexedor engadía que esta infraestrutura clave na candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade recibe un impulso definitivo por parte do Goberno central para a súa recuperación. De feito, captará o maior investimento público na súa historia, resultado das xestións realizadas polo equipo de goberno socialista ante o Ministerio de Cultura. Así, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba a licitación da intervención cun orzamento de 808.694,44 euros e un prazo de execución de dez meses. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 12 de xullo. Pero, ¿en que consistirá a actuación? Na restauración da Casa do Gobernador, un ambicioso proxecto no que se estivo a traballar con intensidade durante o pasado ano 2009. Neste senso, o alcalde confía en que esta gran actuación actúe como catalizador do proceso de recuperación integral dun dos símbolos máis importantes da cidade a nivel arquitectónico e histórico, chamado a convertirse nun dos principais reclamos turísticos de Ferrol e epicentro de actividade. Así, Vicente Irisarri lembrou que a dirección das obras estará a cargo do arquitecto Iago Seara, un auténtico experto na materia e un profesional que coñece moi de preto o Castelo de San Felipe, xa que de feito está a elaborar o estudo de viabilidade para a conversión da fortaleza en hotel-monumento. Cabe lembrar que durante o pasado ano e previa a esta intervención, o equipo da empresa Conservación, Restauración e Arqueoloxía Tomos realizaron un estudo a pé de campo sobre o estado da Casa do Gobernador que, finalmente, deu lugar ao presente proxecto.
|
|
|
|
|